Universo Nós

Víctor F. Freixanes
VÍctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

19 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro dun libro hai sempre unha viaxe, ás veces incluso varias: viaxe sentimental, intelectual, melancólica, histórica, política… Viaxes de inverno, coma na música de Schubert e os libros de Georges Perec e Peter Handke, ou viaxes de verán, esa escapada que todos facemos, nestes días de vacacións, cando metemos na maleta os títulos que máis agarimamos, para os que reservamos un tempo especial. Libros e librarías, que son a gran casa dos libros. 

O pasado 10 de agosto un grupo de amigos, lectores e lectoras, reunímonos na vila de Sanxenxo para conmemorar 40 anos da existencia dunha libraría: a libraría Nós (universo Nós) que dirixe dende hai catro décadas Xaime Corral.

Non só lectores. Ao abeiro da admiración e o afecto que o libreiro merece alí estaban algún dos nomes máis sobranceiros das nosas letras, unha selección moi cualificada dos Premios Nacionais de Literatura (con algunhas ausencias tristes: Xabier P. Docampo ou Agustín Fernández Paz), mostra significada da vitalidade e da calidade da nosa produción literaria, que dende aqueles primeiros títulos de Alfredo Conde e Paco Martín atravesa fronteiras e toca todos os xéneros: a poesía (Álvarez Torneiro, García Teijeiro), o ensaio (Xusto Beramendi), a banda deseñada (Miguel Anxo Prado), a literatura infantil e xuvenil (Fina Casaldarrey, Ledicia Costas), o teatro (Manuel Lourenzo), a arte da edición (Kalandraka) ou a narrativa (Manuel Rivas, Suso de Toro), ademais dos xa citados, todos eles escritores en lingua galega.

Cal era a realidade da nosa lingua, a capacidade de produción e difusión da nosa creación literaria hai corenta anos (por non saírmos do ámbito da literatura)?

Catro décadas dunha libraría é moito tempo e ten moito mérito. Ben sei que hai establecementos deste tipo con máis anos de historia, mais falamos dunha vila galega de mediana poboación, aínda que moi activa no verán, e dun libreiro entregado ao seu oficio, como un auténtico activista.

Nos libros están todas as viaxes. Tamén todas as causas: cívicas, solidarias, educativas, asociativas, democráticas, tal é a historia do universo Nós, que con tanta admiración e afecto celebramos.

E con tanta fachenda, porque sentados á mesa tiñamos unha mostra da vitalidade da nosa literatura (elas e eles).

Hai corenta ou cincuenta anos, digo, as letras galegas eran practicamente sota, cabalo e rei: Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Eduardo Blanco Amor, Xosé Neira Vilas, os clásicos, a chamada Nova Narrativa…

Hoxe a creación literaria é unha auténtica explosión de valores e propostas moi variadas, con creadores que andan polo mundo, traducidos ás linguas cultas do mundo, con lectores en todas elas, o que noutrora soñaban os primeiros homes de Nós (Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo). A realidade non está determinada. Pode transformarse.

Dito dun xeito máis coloquial: a velada dos amigos de Sanxenxo foi un xute de optimismo.

O pasado 10 de agosto un grupo de amigos, lectores e lectoras, reunímonos na vila de Sanxenxo para conmemorar 40 anos da libraría Nós, que dirixe dende hai catro décadas Xaime Corral